Seleccionar página

Os Premios Fouciño de curtametraxes veñen de anunciar a programación da súa VI edición, que se celebrará do xoves 22 ao sábado 24 de outubro en Baio (Zas) cunha proposta que este ano pon o foco na animación galega. As proxeccións fóra de concurso inclúen dúas sesións dedicadas a este xénero, unha mostra que permitirá aproximarse á súa diversidade e á evolución destas artes en Galicia. Tamén haberá actividades formativas e encontros co público, que se unen ao habitual concurso de curtametraxes e actuacións de música en directo.

O festival, organizado co apoio do Concello de Zas, a Deputación da Coruña e o tecido comercial de Baio, contará para esta edición cun novo local, situado no baixo da rúa Bispo Romero Lema 39 (actual Parafarmacia Horizonte). A programación comezará o xoves 22 ás 20.00 horas, cunha retrospectiva de curtametraxes da produtora Dygra Films, pioneira da animación 3D en Europa e coñecida especialmente pola película O Bosque Animado. Proxectaranse Taxia (Alberto Fernández e Daniel Robles, 2002) e El bufón y la infanta (Juan Galiñanes, 2007), nunha sesión que contará coa presentación de Manolo Gómez, fundador do histórico estudio galego.

O venres 23 ás 13.00 horas, o festival achegará a animación ao alumnado do IES de Baio coa charla Procesos de animación audiovisual, impartida por Raquel Rodríguez, na que se afondará nos diferentes xeitos de encarar a disciplina.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, terá lugar unha sesión de curtametraxes galegas de animación, tamén no novo Local Fouciño. O público poderá ver algunhas das pezas máis destacadas do xénero nos últimos anos: Homeless Home (Alberto Vázquez, 2019), The Monkey (Xosé Zapata e Lorenzo Degl’Innocenti, 2021), Sandwich Cat (David Fidalgo, 2023) e O corpo de Cristo (Bea Lema, 2025). Todas as curtametraxes, galardoadas en certames nacionais e internacionais, ofrecen unha serie de olladas críticas cara diversas temáticas sociais. O día completarase cun concurso de dobraxe en directo.

O día grande do festival será o sábado 24 e comezará ás 13.00 horas cunha selección que agrupa varias propostas enfocadas na creación da xente máis nova. Por unha banda, presentarase a curtametraxe resultante do obradoiro de documental desta edición, impartido pola cooperativa A Furna, de Laxe, que tamén aproveitará a súa presenza no festival para presentar o seu proxecto. A continuación terá lugar a proxección e coloquio de Jardín de Plástico, peza da realizadora vimiancesa Daniela González. 

A mañá rematará cunha sesión vermú con Luama Son Sistema, unha proposta que conecta a tradición cultural de Galicia cas músicas do mundo, a través dunha urdime electrónica. 

Xa ás 18.00 horas será a quenda da competición oficial, coa proxección das curtametraxes finalistas a concurso nas categorías Xeral e Escolar. Nesta sesión, o público poderá coñecer as obras que optan aos galardóns desta sexta edición e participar na votación para escoller os Premios do Público. As curtametraxes finalistas serán anunciadas a comezos de outubro. 

Unha noite de premios e música

A programación culminará o sábado pola noite na Praza Jorge Mira, cunha festa final que combina premios e música. A actividade comezará ás 22.00 horas co concerto de Mal Juicio, unha das bandas promesa do rock na Costa da Morte.

Ás 23.00 horas chegará un dos momentos centrais dos VI Premios Fouciño: a entrega de premios ás curtametraxes gañadoras desta edición.

A festa continuará a partir das 00.00 horas cunha programación musical que contará co pop urbano de ünder & Diego Flâneur; a nova proposta en formato banda da artista Laura Lamontagne; o rock psicodélico e festivo de Skanderani; e finalmente unha sesión de músicas de baile con Ningún DJ.

Con esta programación, os VI Premios Fouciño consolidan a súa aposta polo audiovisual galego e amplían a ollada cara xéneros novos, dentro do obxectivo de achegar a Baio unha mostra diversa e innovadora de propostas cinematográficas, mirando cara formatos que habitualmente reciben pouca atención no país e que afrontan unha difícil distribución, especialmente fóra dos circuitos urbanos

Afiando Fouciños

O cine será protagonista durante todo o mes no concello de Zas, que tamén presentou hoxe o ciclo Afiando Fouciños, que servirá de previa ao festival. Consistirá en diferentes proxeccións de longametraxes documentais que xiran arredor de temáticas sociais relacionadas coa historia, a memoria e o territorio. 

A mostra comezará o sábado 26 de setembro no auditorio de Baio coa proxección do documental O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. Continuará o venres 2 de outubro no auditorio de Zas con 360 Curvas, a longa de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández sobre as revoltas da Fonsagrada, galardoada co Mestre Mateo en 2026. O luns 5 será o turno de Crónicas dun Non, obra de Fernando Ródríguez Gómez que trata a historia do movemento insubmiso en Galicia. 

O ciclo rematará o domingo 18 de outubro ás 18.00 horas coa proxección de Deuses de Pedra, premiado documental do realizador Iván Castiñeiras, que pasou 15 anos recollendo as historias dunha comunidade rural arraiana. A proxección será no Local Fouciño, en Baio, e dará o pistoletazo de saída aos VI Premios Fouciño.