Seleccionar página
  • O prazo do concurso de curtametraxes está aberto do 1 de abril ao 30 de xuño.
  • Este ano a Categoría Xeral acolle pezas de ata 15 minutos.
  • Os galardóns serán de 1.000€ para a categoría xeral, 500€ para a escolar e un premio do público de 150€ para cada categoría.

Xa pasaron dez anos desde que un grupo de mozos e mozas de Baio organizou os I Premios Fouciño, impulsados polo aniversario da que fora a primeira película feita na Costa da Morte: O fouciño sanguento. Desde aquela edición inicial, que naceu para loitar contra o illamento cultural da comarca e darlle un impulso ao cinema en galego desde a base, a evolución é manifesta. Incluso a pesar dun parón de varios anos e un cambio de organización, hoxe o festival de cinema baiés estase a asentar coma un referente na provincia, especialmente se miramos fóra das cidades.

Logo duns meses de traballo silencioso, o primeiro certame de cinema da Costa da Morte anuncia a súa volta para este 2026. O festival acaba de publicar as bases e o formulario de inscrición para a VI Edición do seu concurso de curtametraxes, que permanecerá aberto ata o 30 de xuño.

A inscrición pódese facer premendo nesta ligazón e as bases pódense consultar facendo clic aquí.

Novidades: aumenta a 15 minutos a categoría Xeral + mostra de animación

O concurso ten dúas categorías. Unha aberta ao público en xeral, cun premio de 1.000€ para a mellor curtametraxe, e outra dirixida ao alumnado dos centros escolares galegos, cun premio de 500€ para o centro gañador. O premio do público estará dividido en dous, cun premio de 150€ para cada categoría. Como novidade desta edición, a duración máxima de cada curtametraxe para a Categoría Xeral será de 15 minutos, fronte os 10 na Categoría Escolar, que se mantén igual aos anos anteriores.

O certame, que conta co apoio fundamental do Concello de Zas, celebrarase o sábado 24 de outubro en Baio. Os actos dese día céntranse na proxección das curtas finalistas e a entrega de premios, que estará acompañada dunha serie de concertos de artistas emerxentes. Ademais, disto, durante os dous días previos haberá unha serie de actividades e proxeccións de obras destacadas do cinema galego recente. Este ano, estes pases estarán centrados no mundo galego da animación.

Obradoiros escolares

Para fomentar a participación dos centros escolares no certame, a organización dos Premios Fouciño xa comezou a dar obradoiros de cinema en centros de ensino da Costa da Morte. O primeiro celebrouse o pasado 21 de marzo no IES Eduardo Pondal de Ponteceso. O segundo foi o pasado venres no IES Maximimo Romero Lema de Baio, onde o alumnado tivo a oportunidade de ver en primicia o documental A Costa e os castelos, un exemplo do “cinema de proximidade” que intenta fomentar o festival.

Os centros interesados nestas charlas poden contactar con nós no enderezo electrónico premiosfoucino@gmail.com para recibir máis información.