Os Premios Fouciño de Baio presentan un novo obradoiro de cine dirixido á mocidade, que terá como obxectivo a creación dunha curtametraxe documental sobre a historia de Baio a través dos seus comercios locais, entendidos como auténticos espazos de memoria.
A proposta parte dalgúns dos establecementos máis lonxevos da vila, así como doutros de creación máis recente, para coñecer as súas historias e descubrir como a evolución do comercio local tamén reflicte os cambios sociais e culturais vividos en Baio ao longo do tempo.
Deste xeito, cada comercio converterase no fío condutor para achegarse á historia colectiva da vila. As vivencias persoais, os recordos e a memoria local entrelazaranse para construír un retrato documental que permita comprender mellor a identidade de Baio e as transformacións experimentadas pola súa comunidade.
O obradoiro desenvolverase en dúas sesións, os días martes 1 e mércores 2 de setembro, no CSC de Baio, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas.
Durante a primeira sesión realizarase a gravación das entrevistas, mentres que a segunda estará centrada na creación do guión e na edición do vídeo, permitindo que as persoas participantes se impliquen nas diferentes fases do proceso de creación da curtametraxe.
A actividade está destinada a rapaces e rapazas de 11 a 16 anos e conta cun aforo máximo de 15 persoas.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario habilitado para a actividade na seguinte ligazón: https://forms.gle/fimxJCt4jtHijdaD7.
O obradoiro será impartido por Uxía e Illa, da Cooperativa A Furna, de Laxe, entidade especializada en proxectos culturais e audiovisuais vinculados ao territorio. Está organizado en colaboración co Concello de Zas e a asociación de comerciantes BaiOn. A VI Edición do festival tamén conta co apoio da Deputación da Coruña.
Con esta iniciativa, os VI Premios Fouciño apostan polo audiovisual como ferramenta para coñecer, preservar e poñer en valor a memoria local, ofrecendo á mocidade a oportunidade de contar, desde a súa propia mirada, a historia da vila na que viven.
Información do obradoiro
- Datas: martes 1 e mércores 2 de setembro
- Horario: 10:00–14:00h e 16:30–19:30h
- Lugar: CSC de Baio
- Idades: 11 a 16 anos
- Aforo: 15 persoas
- Imparten: Cooperativa A Furna https://afurnacoop.com/
- Inscricións: formulario da actividade https://forms.gle/fimxJCt4jtHijdaD7