Seleccionar página

PROGRAMACIÓN

Os V Premios Fouciño celébranse do 22 ao 24 de outubro de 2025 no número 39 da rúa Bispo Romero Lema, en Baio. Pulsa aquí para acceder á localización.

A programación comezará o xoves 22 ás 20.00 horas, cunha retrospectiva de curtametraxes da produtora Dygra Films, pioneira da animación 3D en Europa e coñecida especialmente pola película O Bosque Animado. Proxectaranse Taxia (Alberto Fernández e Daniel Robles, 2002) e El bufón y la infanta (Juan Galiñanes, 2007), nunha sesión que contará coa presentación de Manolo Gómez, fundador do histórico estudio galego.

O venres 23 ás 13.00 horas, o festival achegará a animación ao alumnado do IES de Baio coa charla Procesos de animación audiovisual, impartida por Raquel Rodríguez, na que se afondará nos diferentes xeitos de encarar a disciplina.

O venres pola tarde, ás 20.00 horas, terá lugar unha sesión de curtametraxes galegas de animación: Homeless Home (Alberto Vázquez, 2019), The Monkey (Xosé Zapata e Lorenzo Degl’Innocenti, 2021), Sandwich Cat (David Fidalgo, 2023) e O corpo de Cristo (Bea Lema, 2025). O día completarase cun concurso de dobraxe en directo.

O día grande do festival será o sábado 24 e comezará ás 13.00 horas cunha selección que agrupa varias propostas enfocadas na creación da xente máis nova. Por unha banda, presentarase a curtametraxe resultante do obradoiro de documental desta edición, impartido pola cooperativa A Furna, de Laxe, que tamén aproveitará a súa presenza no festival para presentar o seu proxecto. A continuación terá lugar a proxección e coloquio de Jardín de Plástico, peza da realizadora vimiancesa Daniela González.

A mañá rematará cunha sesión vermú con Luama Son Sistema, unha proposta que conecta a tradición cultural de Galicia cas músicas do mundo, a través dunha urdime electrónica.

Xa ás 18.00 horas será a quenda da competición oficial, coa proxección das curtametraxes finalistas a concurso nas categorías Xeral e Escolar. Nesta sesión, o público poderá coñecer as obras que optan aos galardóns desta sexta edición e participar na votación para escoller os Premios do Público.

A programación culminará o sábado pola noite na Praza Jorge Mira, cunha festa final que combina premios e música. A actividade comezará ás 22.00 horas co concerto de Mal Juicio, unha das bandas promesa do rock na Costa da Morte.

Ás 23.00 horas chegará un dos momentos centrais dos VI Premios Fouciño: a entrega de premios ás curtametraxes gañadoras desta edición.

A festa continuará a partir das 00.00 horas cunha programación musical que contará co pop urbano de ünder & Diego Flâneur; a nova proposta en formato banda da artista Laura Lamontagne; o rock psicodélico e festivo de Skanderani; e finalmente unha sesión de músicas de baile con Ningún DJ.

Síguenos nas redes

Praza do Campo, 1. 15850 Zas. A Coruña

+(34) 981 70 83 03

correo@concellodezas.org